Wednesday 24 de April de 2024

Máis de 180 persoas participaron na Zumba Class Solidaria celebrada no pavillón do Forte


Unhas 180 persoas déronse cita este sábado pola tarde no pavillón municipal do Forte de Boqueixón para participaren nunha Zumba Class Solidaria, unha iniciativa organizada polas persoas usuarias desta actividade de zumba nas Escolas Deportivas do Concello de Boqueixón en colaboración con monitores desta disciplina de fitness procedentes doutros centros da contorna. Un éxito de participación que fai que os organizadores xa estean pensando na posibilidade de convocar novas sesións.

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, agradeceu o traballo da organización desta iniciativa solidaria, así como a colaboración solidaria dos veciños e veciñas do municipio, que achegaron numeroso material de hixiene persoal e do fogar. Así mesmo, puxo en valor a aposta polo deporte e pola actividade física enfocada á saúde que se desenvolve en Boqueixón a través das Escolas Deportivas Municipais.

A masterclass de Zumba tivo lugar durante dúas horas nas instalacións do pavillón municipal do Forte, onde se reuniu un público de moi diferentes idades, que desfrutou dunhas coreografías cuns niveis adaptados a cada idade.